Concertos

O sábado 15, ás 23:00, faremos que o Idus Martii se torne nunha festa plena coa presenza de boa música: un elemento fundamental en toda celebración que se prece. Para isto, estaremos acompañadas de artistas que están a revolucionar a escena musical galega con orixinalidade e irreverencia.

MENINA ARROUTADA é actriz, Femcee/cantante e Dj. Xa de cativa comeza a interesarse pola música e polo teatro. Con 19 marcha a Barcelona para estudar cinema, onde chegará a traballar en varias películas e proxectos teatrais. No ano 2013 volta a Compostela e fai parte de M.U.G.R.E. e Guerrilha Conarte. No Escárnio e Maldizer coñece a GLITCHGIRL, con quen levará a cabo numerosos proxectos artísticos.

FLOW DO TOXO cantan coa intención de ocupar escenario e torreiros, espazos que, como moitos otros, foron arrebatados ás mulleres. Cantan para empoderarse, sen ter definido ningún estilo musical, pero teñen moi claro que o que queren transmitir é un discurso claramente feminista que nace no rural e bebe da tradición oral das nosas antergas, as nosas bravas, as nosas referentes.

GLITCH GIRL é un dos pseudónimos da produtora de música Alicia Muñiz, ex Dj de Ezetaerre, e ex membro de grupos como Szentes, Suneo e Moonbus. O seu é un proxecto de música electrónica que combina elementos tan dispares como o bakalao, breakcore e trap cunha attitude fortemente punk. Tamén interactúa co público e pretende influír na psique das espectadoras e espectadores, e ironiza e critica temas sociais desde unha perspectiva feminista e interseccional.